XVI Noites de Música Antiga: Teucro Trío

Xoves 30 de xullo de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao

XVI Noites de Música Antiga: Teucro Trío

Sergio Heredia (violín barroco), Fernando Reyes (guitarra barroca e tiorba) e Arquímedes Artal (viola de gamba) forman Teucro Trío, que nas Noites de Música Antiga presenta o programa “Unha viaxe pola Europa do Barroco”.

A mediados do século xvii a música instrumental consolida a súa emancipación daqueles modelos vocais nos que se apoiara desde o inicio da polifonía no medievo. A sonata en trío vai ser o xénero máis relevante de boa parte deste repertorio, ao que se lle suma o concerto a finais do século.

Varios dos autores representados neste programa foron especialistas recoñecidos como compositores da sonata en trío, entre eles os italianos Marco Uccelini e Francesco M. Veracini. Completan o repertorio pezas de Santiago de Murcia, Andrea Falconiero, Dietrich Buxtehude e Jacques Morel.

Sergio Heredia formouse en institucións de Murcia, San Petersburgo e Oviedo, e ampliou logo estudos con mestres concertinos de destacadas orquestras. Como intérprete, Heredia é un violinista de gran son, presenza escénica e musicalidade. Actuou en numerosas ocasións como solista e gravou para a radio, a televisión e mesmo o cine, onde encarnou o histórico violinista Manuel Quiroga. Na actualidade é profesor de violín no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e director da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra.

Fernando Reyes iniciou a súa formación en Santiago de Compostela en guitarra clásica. Posteriormente especializouse nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse (Francia) e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña), onde obtivo o título superior en Música Antiga e realizou o posgrao de concertista. En 1990 fundou en Santiago de Compostela o grupo de música antiga Resonet.

Arquímedes Artal estudou frauta de pico, traveseira barroca e viola de gamba nos conservatorios de Salamanca e Sevilla, onde obtivo o título superior de Viola de Gamba. Conta cunha rica actividade concertística con grupos coma Ludicus Consort, Resonet ou o Consort de Violas da Universidade de Salamanca, e especializouse no lirone, do que é un dos poucos intérpretes. É membro do cuarteto Gallaecia Antiqva e profesor de viola de gamba no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.