O Museo de Pontevedra incorpora á súa exposición permanente unha das escasas obras dos primeiros anos de Castelao como pintor

‘Home fumando (Retrato de Llamazares)’, datado arredor de 1908, é a obra máis antiga de Castelao presente nas salas do Museo

15/10/2026

Presentación do facsímile de Os vellos non deben de namorarse

O Museo de Pontevedra vén de sumar á súa colección unha obra de Castelao de singular interese dentro da súa produción artística. Trátase de ‘Home fumando (Retrato de Llamazares)’, un óleo sobre táboa datado arredor de 1908, polo que é unha das escasas obras dos primeiros anos de Castelao como pintor. O cadro incorporouse xa á exposición permanente, abrindo as salas nas que o Museo percorre a traxectoria artística do xenial intelectual galeguista. 

‘Retrato de Llamazares’ é unha táboa de 20,5 por 40,5 cm, asinada como A. Rodz. Castelao. Mostra, sobre un fondo neutro, o retrato caricaturesco dun personaxe con gorra no momento no que prende un cigarro cun isqueiro. O ton humorístico e a pincelada solta lembra aos dous cadros do mesmo 1908 titulados ‘No faetón de Rianxo a Santiago’ e que forman parte da colección Afundación.

O cadro foi depositado no Museo por Carmen Trillo Filgueira. Na memoria familiar, o retratado é identificado como Llamazares, un personaxe popular de Compostela nos anos universitarios de Castelao, nos que frecuentaba as tabernas e compartía esmorgas e bromas cos estudantes.