X Xornadas de Exiptoloxía

Xoves 18 e venres 19 de xullo, ás 19 h, no Edificio Castelao

Xornadas de Exiptoloxía

Os relatorios deste ano serán impartidos pola dirección da investigación sobre a necrópole do visir Amen-Hotep Huy, formada pola exiptóloga Teresa Bedman e o exiptólogo Francisco Martín-Valentín. Bedman falará sobre as raíñas e princesas de Amarna, que protagonizaron un dos períodos máis suxestivos da historia exipcia; Martín-Valentín, pola súa banda, informará sobre os últimos achados e traballos de escavación e restauración da tumba do visir Amen-Hotep Huy.

Acceso libre.

Entregáraselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.

PROGRAMA

18 de xullo. “As mulleres que fixeron posible Amarna”

Teresa Bedman, exiptóloga do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e codirectora da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.

Nesta conferencia desentrañarase a historia das raíñas e princesas que protagonizaron un dos momentos máis intensos e suxestivos de toda a historia do antigo Exipto. Revisaremos a historia da raíña Mut-en-Uia, pasando pola todopoderosa gran esposa real Tiyi, de como a súa filla Sat-Amon posiblemente se enfrontou con toda a súa familia para tentar que esta non sucumbise a unha nova teoloxía. E así chegaremos á chamada Crise de Amarna, coa nova influencia de Nefertiti e Kiya e o desenlace final coa morte sucesiva das súas fillas e a restauración dos cultos tradicionais con Anj-es-en-Amon, esposa de Tut-Anj-Amon, que sentiu o medo de ver como unha terrible conspiración se cinguía sobre ela.

19 de xullo. “Os últimos achados e traballos de escavación e restauración da tumba do visir Amen-Hotep Huy

Francisco Martín-Valentín, presidente da Fundación do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e director da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.

A conferencia centrarase no “Proxecto Vizier Amen-Hotep Huy (AT n.º -28-)”, unha iniciativa do Instituto de Estudos do Antigo Exipto de Madrid que se desenvolve desde o ano 2009 e que desde entón ofrece os seus resultados no Museo de Pontevedra. A tumba AT n.º -28- en Asasif pertenceu ao visir do sur chamado Amenhotep-Huy durante o reinado de Amenhotep III (cara ao 1360 a. C.). Está situada na necrópole de Asasif, na beira occidental do río Nilo, na cidade de Luxor. Ten unha superficie de máis de 1.000 m2 e consta dun corredor de acceso, dun patio irregular ao aire libre e dunha cámara-capela con forma de T. O proxecto arqueolóxico, un dos máis importantes executados actualmente en Exipto, implica a escavación da área da tumba do visir (con outras once tumbas secundarias no seu interior) e o proceso de restauración epigráfica e artística da capela.

Francisco Martín-Valentín, presidente da Fundación do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e director da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy