Ciclo de cinema María Luisa Bemberg: Miss Mary

Sábado 12 de decembro de 2026, ás19:00 h, no Edificio Castelao

Ciclo de cinema Maria Luisa Bemberg

O Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo e o Museo de Pontevedra dedícanlle un ciclo de proxeccións á cineasta arxentina María Luisa Bemberg. Este reunirá as catro primeiras longametraxes da directora, que se proxectarán en orde cronolóxica os sábados, do 21 de novembro ao 12 de decembro. Ademais, contará coa colaboración do Arquivo María Luisa Bemberg e Lita Stantic Producciones.

 

Miss Mary
Arxentina, 1986 · 106 min

En 1938, unha institutriz inglesa chega a unha estancia arxentina para facerse cargo da educación de tres irmáns. A través da súa convivencia coa familia, a película retrata os costumes dunha clase acomodada nun país que comeza a cambiar.

Dirección: María Luisa Bemberg
Guión: María Luisa Bemberg e Jorge Goldenberg, a partir dun argumento de Beda Docampo Feijóo e Juan Bautista Stagnaro
Elenco: Julie Christie, Luisina Brando, Nacha Guevara e Eduardo Pavlovsky

 

Sobre María Luisa Bemberg

María Luisa Bemberg (Bos Aires, 1922-1995) foi unha guionista e directora pioneira do cinema arxentino, nunha época na que poucas mulleres dirixían películas no país. Cunha mirada crítica e cun humor sutil, ampliou o lugar das mulleres no cine arxentino, tanto diante coma detrás da cámara. A súa obra alcanzou recoñecemento internacional con Camila, coprodución entre Arxentina e España nomeada ao Óscar á mellor película estranxeira en 1985.