Rafa Domínguez anuncia un importante avance no proxecto de reforma dos edificios centrais do Museo coa obtención do visto bo de Patrimonio

A Deputación acaba de obter unha resolución favorable que permite desbloquear o proxecto tras anos parado e máis dunha década cos edificios pechados

29/12/2025

Reforma dos edificios centrais do Museo

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este luns que a institución provincial acaba de recibir o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o proxecto de consolidación, restauración e mellora funcional dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez do Museo de Pontevedra. O departamento da Xunta "emitiu unha resolución favorable que autoriza a reforma dos edificios centrais do Museo e isto é unha noticia moi importante", sinalou Domínguez, "porque non estamos ante un trámite administrativo, senón ante un paso clave que desbloquea un proxecto longamente esperado e que permite avanzar, por fin, na execución dunha das actuacións culturais máis importantes da cidade", tras anos parado e cos edificios pechados desde fai máis dunha década.

Rafa Domínguez sinalou que a resolución de Patrimonio "é compatible coa máxima protección patrimonial, ao tratarse dun conxunto catalogado e declarado Ben de Interese Cultural", e faino ademais "desde o rigor e o respecto absoluto ao seu valor histórico". A través do proxecto non se vai transformar o patrimonio, senón "coidalo, reforzalo e adaptalo ás necesidades dun museo do século XXI: mellorar a accesibilidade, a seguridade, a conservación dos inmobles e o seu funcionamento interno, garantindo que o Museo poida desenvolver plenamente o seu labor cultural e expositivo", sinalou o vicepresidente, que tamén destacou que a autorización incorpora condicionantes técnicos "que asumimos con total normalidade" xa que son habituais en actuacións en elementos patrimoniais declarados BIC, e non supoñen un bloqueo.

Deste xeito, as medidas preventivas que incorpora a resolución, principalmente en materia arqueolóxica, son o control arqueolóxico durante a obra e a documentación dos elementos de maior interese. "Lonxe de ser un obstáculo son unha garantía de que o traballo se fará co máximo coidado e con todas as cautelas necesarias", sinalou Rafa Domínguez, que tamén avanzou que, a partir deste momento, "o proceso segue unha folla de ruta clara".

O vicepresidente da Deputación sinalou os seguintes pasos do proxecto. En primeiro lugar, o equipo redactor "está incorporando xa as observacións técnicas de Patrimonio", que unha vez completado "será supervisado polo servizo de Arquitectura da Deputación". Tralo visto bo do persoal provincial, que calculou en entre seis e oito semanas, seguiranlle "a solicitude da licenza municipal ao Concello de Pontevedra e, coa licenza concedida, licitar as obras e avanzar cara á súa execución". Rafa Domínguez lembrou que a resolución favorable de Patrimonio é "o aval máis importante e complicado de conseguir, e poderíamos estar a falar de que o proxecto estea plenamente operativo a finais de 2028 ou comezos de 2029". Ademais, o vicepresidente estimou que o proxecto podería estar valorado en arredor de 12 millóns de euros.

Rafa Domínguez puxo en valor que "este proxecto avanza porque hai planificación, coordinación técnica e vontade política". O vicepresidente provincial sinalou que "desde a Deputación de Pontevedra asumimos o compromiso de desbloquear as grandes infraestruturas culturais que levaban demasiado tempo paradas, e o Museo de Pontevedra é unha prioridade absoluta". Domínguez lembrou que "estes edificios levaban 11 anos parados, para a tristeza dos pontevedreses, e o noso obxectivo é claro: devolverlle á cidade uns edificios plenamente operativos, accesibles e preparados para acoller un museo vivo, conectado co seu tempo e coa cidadanía, un Museo que conserve a súa historia pero que mire ao futuro".

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación destacou que "hoxe non anunciamos unha promesa, senón un avance concreto, documentado e apoiado polos informes técnicos correspondentes", cos que a Deputación "segue a dar pasos firmes para que o Museo ocupe o lugar que lle corresponde como un dos grandes referentes de Galicia". Rafa Domínguez destacou que "mentres a outros se lles denegou o visto bo de Patrimonio dúas veces porque os seus proxectos carecían de rigor técnico, a resolución positiva ao noso documento serio e consolidado é un paso fundamental para que estes edificios reabran, e avalía o noso traballo durante este tempo".