A Bienal de Artes Vivas inclúe catro estreas absolutas e 14 espectáculos que se presentan por primeira vez en Galicia

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou a programación completa da primeira edición, que se celebrará no Convento de Santa Clara do 2 ao 12 de xullo

04/05/2026

A Deputación inclúe na Bienal de Artes Vivas catro estreas absolutas e 14 espectáculos que se presentan por primeira vez en Galicia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe na igrexa do Convento de Santa Clara a programación completa da primeira edición da Bienal de Artes Escénicas de Pontevedra, acompañado do seu comisario, Iñaki Martínez Antelo. Do 2 ao 12 de xullo presentaranse 22 propostas artísticas que inclúen performance, danza, teatro, música, poesía e circo. Catro desas propostas son estreas absolutas, outras 14 poderanse ver por primeira vez en Galicia e en tres casos trátase de obras que están aínda en proceso.

Rafa Domínguez lembrou que este proxecto parte da experiencia previa do programa de artes vivas que se incluíu na Bienal de Arte de 2025. “Saíu tan ben, quedamos tan contentos co resultado deses espectáculos, que decidimos facer a Bienal de Artes Vivas este ano”. O vicepresidente salientou que “Iñaki Martínez Antelo propúxenos un programa espectacular” e ademais nun lugar excepcional como é Santa Clara”. En concreto, a programación desenvolverase en tres espazos do recinto: a igrexa, o coro baixo e os xardíns.

“Esta é unha continuación desta carreira que fomos dando todos, prensa, público e profesionais, de poñer a Pontevedra no epicentro da cultura galega, cun dos programas de artes vivas máis ambiciosos que se vai facer en España”, sinalou Domínguez. “O resultado é unha Bienal de Artes Vivas rupturista e dunha calidade altísima”.

O comisario da bienal, Iñaki Martínez Antelo, debullou as liñas clave da programación de ‘Nas Marxes’, nome que recibe esta primeira edición da Bienal de Artes Vivas. En Santa Clara presentaranse 22 propostas artísticas. Todas as actuacións serán de balde, se ben será precisa a retirada previa de entrada, que estarán dispoñibles proximamente a través da web da Bienal: bienal.depo.gal. Como a capacidade dos espazos é limitada, nalgúns casos realizaranse dous pases.

Catro das pezas serán estreas absolutas de artistas galegos: “Clo Pau Plas Pedra”, na que Clo Plas (Xiana Arias e Berio Molina) colaboran con Diego Vites e Javi Álvarez; a peza de danza “O raro é que bailar sexa raro”, de VACAburra; a performance baseada no berro “Y los huecos empezaron a pegarse”, de Alejandra Pombo Su; e a narración poética na escuridade de Celso Fernández Sanmartín: “Contar no apagón”. A nómina de proxectos galegos presentes na programación complétase con Pistacatro, que introduce o circo na Bienal co seu espectáculo “Sen patrón” e Fran Martínez, que presenta “Transfixión”.

A peza de Fran Martínez é un dos tres traballos en proceso que se presentan na Bienal, pezas que os artistas presentan ao público e nas que aínda traballando. Nos tres casos son colaboracións da Bienal de Artes Vivas con outras entidades: a de Martínez preséntase en colaboración co Colectivo RPM, como parte das residencias Paraíso, pola que o bailarín e coreógrafo galego estará a partir da semana que vén en residencia no propio convento de Santa Clara. Ademais, “Angelical” de María Jurado faise en colaboración co festival TNT-Terrasa Noves Tendències e “Out of Sight, Out of Mind” de Thiago Granato en colaboración co Citemor, en ambos os casos citas de referencia das artes escénicas da península Ibérica.

O brasileiro Thiago Granato é un dos artistas internacionais que presenta a súa obra por primeira vez en Galicia. É caso tamén do italiano Alessandro Sciarroni, que con “Don’t Be Frightened of Turning the Page” será o encargado de pechar a programación o domingo 12 de xullo. Tamén o prestixioso coreógrafo francés Jérôme Bel, cuxa obra homónima poderase ver por primeira vez en galego, interpretada pola actriz María Roja, nunha coproducuón coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O arxentino Martín Flores Cárdenas presenta a peza teatral “La fuerza de la gravedad”, e a parella artística portuguesa Ana Borralho e João Galante presentan a performance “World of Interiors”, na que colaborará o grupo de teatro da UNED Pontevedra.

A de Borralho e Galante non é a única peza que conta con participación local: a artista e performer Laia Estruch estará acompañada da banda pontevedresa Zunzún no seu concerto “Àlbum Victòria”, e a performance “Aplauso, vicio” será interpretada polo dúo formado pola pontevedresa Noela Covelo Velasco e Élise Moreau.

A programación complétase con outros sete espectáculos que se poderán ver por primeira vez en Galicia: “Microdesfase: desajuste para voz y espacio”, de Blanca Tolsá; “Tórtola Valencia, pienso en ti con mis manos”, de Lara Brown; “Bestia Sagrada”, de Isabel do Diego; “Extraña alegría”, de Javier Hernando; “Escarlet” de Ángela Millano; “Alien” de Manuel Rodríguez; “En talleres”, de Leonor Leal e Antonio Moreno e “Danzas románticas/Antena fantasma”, de Montdedutor.

Iñaki Martínez Antelo destacou que é unha programación pensada para os espazos nos que se van desenvolver, que se adaptan ás características da igrexa, o coro e os xardíns de Santa Clara, non só en canto a formatos e capacidade, senón incluso tematicamente, con varias obras nas que se aprecia certa compoñente mística, como as presentadas por María Jurado, Thiago Granato, Fran Martínez e Ángela Millano.

 Dosier de prensa (Pdf)

Image galleries