O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón. Do coleccionismo ao Museo

Dates: 12/09/2024 - 11/11/2024
Location: Edificio Sarmiento, Museo de Pontevedra

Comisaria: Erea Castro Alfonso

Ricardo Blanco Cicerón (Tui, 27/10/1844–Santiago de Compostela, 31/07/1926) procedía da acomodada familia tudense Centeno y Cicerón, ligada á nobreza galega. Dedicoulle a súa vida ao dereito, á administración e á actividade política como xefe rexional de Galicia na Junta Nacional de la Comunión Tradicionalista, presidida polo marqués de Cerralbo.

O seu gusto e paixón polas artes e as humanidades levouno a atesourar unha vasta colección de obxectos, entre os cales destacan as xoias protohistóricas, con torques, diademas e aneis; machadas de bronce; moedas; medallas; documentos medievais e outras moitas pezas de diversas épocas. Este labor granxeoulle o seu recoñecemento como o coleccionista de maior relevancia para a historiografía da arte en Galicia, sen esquecer outros coetáneos coma Casto Sampedro, Francisco Pazos, Federico Maciñeira e Marcelo Macías, entre outros.

Ricardo Blanco Cicerón foi esencial no desenvolvemento da sociedade Viuda e Hijos de Simeón García de la Riva, precedente do que máis tarde sería o Banco Simeón. Entendeu a importancia de preservar o legado artístico galego, coñecer os achados arqueolóxicos que se producían no noso territorio e permitir o seu estudo e divulgación a aqueles que se introducían no que algúns denominaron “(…) o museíño do Señor Blanco Cicerón na Rúa da Senra, núm. 3”.

Hoxe, o Museo de Pontevedra recupera a figura de quen Casto Sampedro definiu como “o meu amigo e terror de coleccionistas e arqueólogos e anticuarios pasados, presentes e futuros”, un mecenas e custodio da arte galega, cuxas xoias constitúen grandes referentes nas coleccións de todos os centros museográficos de Galicia e do resto do territorio español.

Dossier para medios de comunicación

Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición
Foto da exposición