Novos Valores 2023
O certame Novos Valores, convocado anualmente pola Deputación e o Museo de Pontevedra, pretende impulsar os e as artistas galegos e galegas ou que residan en Galicia. Preséntanse obras orixinais non premiadas en anteriores edicións, que aspiran a gañar unha das catro bolsas de 7.500 euros para ampliación de estudos.
Na edición de 2023 presentáronse 50 obras, entre as que o xurado seleccionou 20 creacións con técnicas diversas: fotografía, pintura, escultura, pezas de costura, vídeo creación, debuxo, instalacións e varias obras con técnica mixta. Estas son as que se mostran na exposición aberta no Edificio Sarmiento.
Destas 20 obras o xurado escolleu as catro premiadas: ‘1851-1888-1900’ (técnicas pictóricas mixtas en impresión reactiva sobre twill de sede), de Sandra Barreiro Parquiña; ‘Estados intermedios Estados residuales’ (técnica mixta, acumulación, instalación, performance), de Antía Iglesias Fernández; ‘Canto custa unha imaxe?’ (videoensaio), de Andrés Sanjurjo García; e ‘Percorrer, atravesar, andar’ (escultura feita con bidón metálico, colchas e alfombra), de Lucía Perdiz Dávila.
O xurado estivo formado por José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra, que exerceu como presidente; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural e crítico de arte; Susana González Martínez, directora da colección de arte da Fundación María José Jove; Carmen Nogueira Alonso, artista e doutora en Belas Artes (Universidade de Vigo); e Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra.