Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza

12 de xuño a 25 de outubro de 2026
Dates: 12/06/2026 - 25/10/2026
Location: Edificio Castelao e Edificio Sarmiento

Comisario: Iñaki Martínez Antelo

“Temos, ademais, unha verba galega: ‘morriña’, que significa un estado especial da saudade”

Castelao, Sempre en Galiza, “Libro III”

 

Mudanza é o título do proxecto que a artista Ira Lombardía presenta dentro do ciclo Infiltracións, iniciativa do Museo de Pontevedra para desenvolver proxectos específicos en diálogo coas súas coleccións. A artista combina fotografía, colaxe, escultura e arquitectura efémera para reflexionar sobre as nocións de domesticidade, memoria material, desprazamento e pertenza. Lombardía toma como eixe central a emigración —a histórica e a actual— para construír un proxecto que dialoga coas experiencias do tránsito, coa perda, co arraigamento e coa transformación.

Cada ano, Infiltracións convida dúas ou dous artistas a investigar e traballar a partir dos fondos do museo para xerar novas lecturas sobre as obras e os relatos que os conforman. En Mudanza, a artista aprópiase de imaxes e obras para desprazalas simbolicamente e activar novos significados.

Neste proxecto, o desprazamento aparece como unha condición vital que atravesa a práctica de Ira Lombardía. O seu traballo parece habitar constantemente ese espazo intermedio entre lugares, afectos e formas de pertenza. A experiencia do traslado, da viaxe continua ou da distancia convértese así nunha capa máis de sentido: aquilo que se conserva, o que inevitablemente se transforma e tamén o que permanece suspendido na memoria.

Non resulta difícil pensar aquí na morriña e na figura de Santa Trahamunda, acaso unha das imaxes máis elocuentes dese sentimento na tradición galega, presente nas salas do museo a través da pintura de Urbano Lugrís. Segundo a lenda, a monxa de Poio foi levada lonxe da súa terra e, consumida polo desexo de regresar, foi milagrosamente devolta ao lugar ao que pertencía. A historia parece condensar algo profundamente ligado á experiencia do desprazamento: a persistencia dun vínculo que resiste á distancia. Como en Mudanza, a separación non implica ruptura, senón a permanencia silenciosa daquilo que continúa acompañándonos aínda desde a distancia.

En palabras da propia artista: “A partir do contraste entre a lixeireza do xesto e a densidade dos materiais —que remiten a obxectos de traslado e paredes domésticas en proceso de construción—, este traballo aborda o conflito entre aquilo que levamos connosco e o que inevitablemente queda atrás. O feltro, o papel burbulla e a gomaespuma evocan ideas de temporalidade e desprazamento, así como a fraxilidade do que se tenta preservar. Neste contexto, o fogar redefínese como algo inestable, próximo á idea de refuxio onde o corpo, arrolado polo movemento, aprende a habitar un espazo residual entre a presenza e a ausencia”.

Ira Lombardía (Asturias, 1977) é unha artista afincada en Nova York. O seu traballo combina instalación e escultura, fotografía, colaxe e vídeo, creando pezas de gran formato que exploran cuestións relacionadas co feminismo, coa ecoloxía e coa cultura visual contemporánea. Presentou exposicións individuais no Centro Cultural de España en México (CCEMx, Cidade de México, 2024-2025), Sector Curiosa, Paris Photo (2022) e no Museo de Arte SCAD (Savannah, Xeorxia, 2020-2021), ademais de varias colectivas. O seu traballo forma parte de importantes coleccións públicas e privadas, entre elas o Museo de Victoria e Alberto (Londres) e El Espacio 23 (Colección de Jorge M. Pérez, Miami).