Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías

Dates: 07/03/2024 - 02/06/2024
Location: Edificio Castelao

Comisario: Xosé Enrique Acuña

A mostra esta articulada a partir de 52 fotografías realizadas o 28 de xuño de 1984 por Xan Carballa durante os actos desenvolvidos en Santiago con motivo do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O escritor, artista e líder galeguista falecera na Arxentina en xaneiro de 1950. Desde esa data, o seu corpo descansaba no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires, albergado no Panteón Social do Centro Gallego. Restauradas as liberdades democráticas en 1978, a demanda do seu retorno a Galicia pasou a ser unha reivindicación que anos despois sería asumida polo parlamento galego tras as primeiras eleccións autonómicas. Un acto parlamentario que foi aprobado por unanimidade das forzas políticas representadas, despois dunha proposta impulsada polo deputado nacionalista Camilo Nogueira.

Desde xullo de 1936, Castelao quedara imposibilitado para volver a Galicia e en paralelo as autoridades franquistas incautáronlle a totalidade do seu patrimonio e mesmo unha parte significativa da súa obra artística e literaria. Dese xeito, Castelao, implicado totalmente na defensa da legalidade constitucional da República e mais do proceso de Autonomía de Galicia, veríase na obriga de vivir os últimos anos da súa vida como exiliado político á vez que en Galicia sufriría por parte das autoridades do réxime un proceso de invisibilización e ocultación social. 

Ante o mandato do parlamento, o goberno da Xunta de Galicia, despois de conseguir a aprobación da familia de Castelao, representada pola súa irmá Tereixa, escolleu o día 28 de xuño para que se producise a viaxe de retorno dos seus restos e así facelo coincidir co mesmo día e mes no que, en 1936, se plebiscitara e aprobara o primeiro Estatuto de Galicia. En paralelo, por parte do goberno da Xunta presidido daquela por Xerardo Fernández Albor tomaríase a decisión, pactada con personalidades históricas do galeguismo, de elixir o Panteón de Galegos Ilustres para enterro definitivo e solemne de Castelao en Galicia.

Concretada a data para o seu retorno, o fotógrafo e xornalista Xan Carballa realizou unha reportaxe que configura esta exposición e que se centra nun acto histórico de gran magnitude acontecido o 28 de xuño de 1984. Unha narración en imaxes que Carballa executa con destino ao desaparecido semanario A Nosa Terra nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os acontecementos principais do retorno histórico dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres onde a gran figura do galeguismo foi cerimoniosamente soterrada.

As fotografías de Carballa, realizadas hai corenta anos e restauradas para esta mostra, expóñense como unha gran crónica visual que narra tanto os intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao, como a serie de incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval. Este conxunto de imaxes plasmado por Xan Carballa relaciona a este autor co canon imperante naquel novo fotoxornalismo, maioritariamente en branco e negro, que se implantou con conquistados aires de liberdade de prensa nos xornais e semanarios de todo o Estado desde o fin da ditadura franquista. 

Xan Carballa (Vigo, 1960) é un reputado fotógrafo, xornalista e editor que ten desenvolvido nestes tres campos unha traxectoria que comezou na década dos 80 para responsabilizarse, entre outros, de pioneiros proxectos editoriais, nalgún caso en colaboración co Museo de Pontevedra, nos que a figura de Castelao sería o eixe central. No seu papel de fotógrafo, Carballa forma parte desa xeración de profesionais da imaxe que documentou desde un comprometido xornalismo fotográfico os intensos cambios sociais que aconteceron en Galicia nas dúas últimas décadas do século XX. O arquivo de Xan Carballa abarca, con miles de imaxes acumuladas, boa parte dos feitos máis destacados da nosa historia contemporánea.

Para a mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’, o seu comisario Xosé Enrique Acuña, autor dunha fotobiografía sobre Castelao, deseñou con clara intención contextual un espazo propio e diferenciado, entendido como prólogo á serie fotográfica de Xan Carballa, onde se incide no cosmos de Castelao e especialmente nos seus anos de exilio nos Estados Unidos, Cuba e Arxentina. Un espazo estruturado por medio de obra artística orixinal, fotografías, documentación e prensa gráfica da época, procedentes de coleccións particulares, o propio Museo de Pontevedra e outras institucións galegas. Entre outras pezas, exhíbese o seu pasaporte diplomático como ministro do goberno da República no exilio, os raros albumes coas súas estampas de guerra editadas en Shanghai (China), tamén imaxes do seu enterro en Buenos Aires e a totalidade do expediente que entre 1937 e 1962 se lle abriu a Castelao por parte dos tribunais franquistas de “responsabilidades políticas”.


Visitas guiadas

Os xoves ás 18.00 h. Sen inscrición previa

O venres 31 de maio, ás 19 h

Imaxe da exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984, de Xan Carballa
Imaxe da exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984, de Xan Carballa
Imaxe da exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984, de Xan Carballa