Acisclo en 66 obras
Comisaria: Beatriz de San Ildefonso Rodríguez
Esta exposición está composta por obras representativas da súa evolución artística desde o expresionismo figurativo ata alcanzar case a abstracción. Acisclo comezou traballando a madeira, coñecedor da técnica tras obter o título de tallista, e pronto se sentiu seducido pola escultura para contar historias coa materia no canto de coas palabras.
A súa obra fráguase no importante ambiente cultural que vivía “A Atenas de Galicia”, como era coñecida a cidade das Burgas nos anos sesenta, onde Vicente Risco era un referente nos faladoiros. No do Bar O Tucho, Acisclo e outros novos artistas da súa xeración reciben o maxisterio de Risco, que cariñosamente os chamaba “os Artistiñas”. El faláballes da figura de Castelao, da defensa da lingua e da cultura galegas, da loita pola liberdade e dos movementos de vangarda, e mesmo lles propuxo que interviñesen artisticamente en O Tucho, simulando o Cabaret Voltaire de Zúric, unha idea que levaron a cabo Acisclo, Xaime Quesada e José Luis de Dios coma homenaxe a Risco en 1963, uns meses despois da súa morte. Deste xeito naceu o grupo Volter, formado polos tres artistas coa intención de renovar a arte galega, defender o galeguismo e amosar o seu compromiso político cunha militante oposición ao franquismo.
Nese ambiente de inquietudes políticas e artísticas perfílase o estilo de Acisclo, adscrito á neofiguración expresionista, que amosa o seu interese por resaltar de maneira especial os rostros e as mans, transmitindo profundas emocións a través do xesto. Busca conmover a e o espectador coa deformación corporal das figuras para expresar a soidade, a violencia ou a angustia, sentimentos humanos que en ocasións potencia furando a masa. Moitas destas primeiras esculturas están talladas en vigas procedentes de derribas das que aproveita as súas rugosidades, os seus nós, as súas fendas, as súas curvaturas, mostrando sempre un forte respecto ás formas que creara a natureza.
Acisclo transmite unha mensaxe social, desde un activismo comprometido que o induciu a apoiar reivindicacións e protestas con obras que deixan constancia da represión política, coma en 10 de marzo, e a súa preocupación polos obreiros, coma en Cabeza dun obreiro acoirazado.
Viaxeiro incansable, visitou a maior parte dos países de Europa e de fóra dela, coma Exipto ou Turquía, o que lle permitiu poder ver a obra de Fidias, Giacometti, Brancusi ou Henrry Moore, co que comparte o seu interese pola natureza e os contornos ondulados. Desde os seus inicios sentiu fascinación polo Mestre Mateo, a cuxo pórtico da Gloria peregrinan moitos dos seus personaxes, e sempre se manifestou admirador de Oteiza.
Á madeira irase sumando o metal, o bronce ou o chumbo, un material que en ocasións utiliza como coiraza das obras de madeira. Desde os anos setenta, o barro, co que tivo contacto desde os seus inicios, é o material co que se sente máis a gusto e o que lle proporciona maior liberdade. Acisclo modela o barro galego e a arxila eivisenca, o primeiro con volumes arredondados e formas compactas, coma a paisaxe de Galicia; o segundo inspíralle torsos femininos que lle fan imaxinar os restos da arte grega. En Eivissa, onde alterna a súa estancia entre 1968 e finais dos anos oitenta, sentiuse atraído pola luz e polo estimulante ambiente artístico protagonizado pola Galería Carl van der Voort e o Taller Ibograf, no que participa activamente.
O regreso definitivo a Ourense, instalado en Biduedo, San Cristovo de Cea, supón unha nova etapa protagonizada por torsos femininos de formas ondulantes, que manifestan unha tendencia cara á abstracción, e desde finais dos anos noventa policroma as terracotas.
Os personaxes angustiados de antano convértense en ninfas que asoman as súas cabezas sobre as augas galegas en murais de aluminio, ferro ou barro refractario, como tamén o fan en moita da súa obra monumental que, desde 1986, ten especial presenza na súa produción.
Dossier para medios de comunicación
Visitas guiadas a ‘Acisclo en 66 obras’
Do 21 de decembro ao 1 de febreiro, os xoves e sábados, ás 18:00 h