O Concurso Micromuseo premiará os mellores microrrelatos audiovisuais de alumnado de 5.º e 6.º de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos

O prazo para presentar as curtametraxes, de ata 60 segundos de duración, está aberto ata o 31 de maio.

02/04/2024

Concurso Micromuseo

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, acaba de convocar a primeira edición do Concurso Micromuseo. Trátase dun certame audiovisual dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra. Cada grupo participante terá que presentar un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual, de non máis de 60 segundos, que teña como eixe temático ou argumental os distintos edificios que compoñen o Museo de Pontevedra ou calquera das pezas expostas nel.

O prazo para presentar os traballos xa está aberto e remata o 31 de maio, tal como figura nas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da Sede electrónica da Deputación.
A participación debe facerse en grupo, formado por entre 2 e 5 estudantes e un representante do centro, e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por categoría, que serán tres: a primeira, para o alumnado de 5.º e 6.º de primaria; a segunda, para o de secundaria; e unha terceira, para estudantes de bacharelato ou de ciclos formativos.

En canto aos galardóns, haberá un primeiro premio por categoría, dotado con 1.000 euros para o centro escolar, tabletas para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo de Pontevedra; e un segundo premio, que constará de lectores de libros electrónicos para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo de Pontevedra.

Con este certame conmemorarase o Día Internacional dos Museos, que terá lugar o vindeiro 18 de maio baixo o lema “Museos pola educación e a investigación”. A temática deste ano coincide con dúas das máis importantes dos museos, que se poñen en práctica no Concurso Micromuseo, que fomentará a investigación sobre os fondos do Museo de Pontevedra por parte da comunidade educativa.