Conferencia de Arturo Colorado: ‘Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora’

Xoves 1 de xuño ás 19 h no Edificio Castelao

Edificio Castelao

Castelo de Jadraque

Castillo de Jadraque (Guadalajara). Jenaro Pérez Villaamil (ca. 1840)

Arturo Colorado Castellary, catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid, pronunciará a conferencia  ‘Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e diáspora’. Nela analizará dous períodos claramente diferenciados: a política republicana de incautación de obras de arte e as accións realizadas polo franquismo cos milleiros de obras salvadas pola República.

Colorado analizará a creación polo Goberno da República da Junta del Tesoro Artístico, que incautou, recolleu e almacenou miles de obras. Ante a gravidade dos bombardeos franquistas e dos seus aliados, as máis importantes destas obras foron evacuadas a Valencia, despois a Barcelona e o norte de Cataluña, para finalmente, e grazas á intervención internacional, chegar ata Xenebra.

A segunda parte da conferencia ten como obxectivo responder á cuestión: que fixo o franquismo na inmediata posguerra cos miles de obras salvadas pola República, tanto as que permaneceron en España como as que volveron do estranxeiro? Moitas das 17.000 pezas das que se puido facer o seu seguimento foron devoltas aos seus propietarios, aínda que unha gran cantidade foron desviadas cara a outros destinatarios, que en moitos casos as recoñecían como súas. Colorado analizará as entregas en depósito de miles destas pezas a museos, a organismos públicos, á Igrexa e mesmo a particulares, o que produciu o espolio, a diáspora e a desaparición de numerosas obras. Un caso específico é o das confiscacións das coleccións dos exiliados republicanos, que foron sinxelamente entregadas a outros destinatarios.

O conferenciante establecerá paralelismos entre este espolio franquista e o realizado polos nazis nos mesmos anos. Como no caso das obras roubadas polos nazis, Colorado considera que a cuestión actual é a necesidade de abordar a investigación e a posible restitución destas obras aos herdeiros dos propietarios confiscados.

Arturo Colorado

Arturo Colorado Castellary é catedrático e profesor emérito de Arte e Comunicación da Universidad Complutense de Madrid. É doutor pola Universidad de Alcalá, foi investigador visitante na University of California, na Purdue University e na Universidade do Estado do Rio de Janeiro. Foi reitor da Universidad SEK de Segovia de 2002 a 2006.

Colorado é experto en Arte, Patrimonio cultural, Hipermedia e Cultura dixital. Foi director de varios grupos de investigación na Complutense, destacando o proxecto ‘El patrimonio artístico durante la guerra civil y la posguerra’ (2014-2019). Foi director de varios congresos internacionais, entre os que destacan os titulados ‘Patrimonio, Guerra Civil y Posguerra’, celebrados no Museo del Prado (2010 y 2019), o Instituto del Patrimonio Cultural de España e a Universidad Complutense de Madrid (2017).

Foi, á súa vez, comisario de varias exposicións, entre as que destaca a denominada ‘Arte Salvado. 70 aniversario del salvamento del patrimonio artístico español y de la intervención internacional’, celebrada no Paseo del Prado de Madrid, 2010, organizada pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales e a Presidencia española da Unión Europea, e que na itinerancia en diversos destinos chegou ata Xenebra, ao Musée d’Art et d’Histoire.

É autor de varios libros, entre os que se atopan The Murals by José María Sert (Nova York / Xenebra, 1985), El Museo del Prado y la Guerra Civil (Museo del Prado, Madrid, 1991), Del Arte rupestre al digital (Síntesis, Madrid, 2013) e da triloxía sobre patrimonio, guerra e posguerra publicada pola prestixiosa editorial Cátedra: Éxodo y exilio del arte (2008), Arte, revancha y propaganda (2018) e Arte, botín de guerra (Cátedra, Madrid, 2021). Coa publicación en 2023 do libro Arte y Caja de Reparaciones. La incautación republicana, la evacuación a México y Ginebra y la gestión franquista, completouse unha tetraloxía fundamental do autor sobre o devir do patrimonio artístico durante a guerra e a posguerra.

Videos