Obradoiros de verán

Xullo e agosto, en quendas semanais, de 11:30 a 13:00 h

PRAZAS COMPLETAS
obradoiros de verán

O Museo de Pontevedra organiza obradoiros de verán para nenas e nenos desde os 6 aos 12 anos. Do 2 de xullo ao 30 de agosto, cada semana un grupo de rapazas e rapaces participarán nunha das quendas dos cinco obradoiros que se ofrecen. Todos son de balde, contan con 15 prazas e se desenvolverán entre as 11:30 e as 13:00 h.

Cada neno ou nena só se poderá inscribir a un obradoiro.  

O mércores 26 de xuño, ás 9 h, ábrese un novo prazo para completar as prazas dispoñibles, a través dun formulario de inscrición accesible desde esta mesma páxina.

Se a Miña Avoa Tivese Rodas, obradoiro de paste up

Do 2 ao 5 de xullo / do 9 ao 12 de xullo

Ata 1910 as mulleres tiñan restrinxido o acceso a estudos superiores. Mediante este obradoiro, impartido polos ilustradores especializados en arte urbana Sofía Venzel e Míchel Casado, as nenas e nenos participantes coñecerán de cerca a loita das mulleres pola igualdade mediante a técnica do colaxe paste up.

Álbum de Recordos dunhas Vacacións no Museo

Do 16 ao 19 de xullo

Tomando como referencia obras expostas no Museo de Pontevedra, as nenas e nenos participantes ilustrarán e decorarán o seu propio álbum de verán. Este obradoiro impárteo a ilustradora Alba Santa.

Creando Personaxes Xogando co Papel, obradoiro de colaxe

Do 23 ao 26 de xullo

O ilustrador Diego Estebo ensinaralles ás nenas e nenos participantes a crear personaxes que se inspiren nalgunhas das obras expostas no museo e a materializalos mediante a técnica da colaxe.

Art Lab: Creamos... de Fábula

Do 6 ao 9 de agosto / do 13 ao 16 de agosto

Coa inspiración da exposición A era das fábulas, Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que as nenas e nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outras e outros artistas. Que historias e lendas se poden agochar detrás de cada unha destas obras?

Historia e Creación de Mosaicos

Do 20 ao 23 de agosto / do 27 ao 30 de agosto

A partir do mosaico coa representación de Baco presente na exposición A era das fábulas, a rapazada aprenderá sobre a rica historia desta arte e creará a súa propia obra. Este obradoiro impartirano Anastasia Ogando e Estefanía Viyella.