Día dos Museos: Davide Salvado en concerto
Xoves 18 de maio ás 21:00 h na igrexa do Convento de Santa Clara
O Museo de Pontevedra celebra o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, cunha programación arredor do tema deste ano: ‘Museos, sostibilidade e benestar’.
Davide Salvado presenta no Museo de Pontevedra o proxecto ‘Permita Deus’, concibido coma un acto de fe no patrimonio. A voz e as percusións de Davide estarán acompañadas do violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado para convidarnos a un recollemento sonoro con forma de concerto e fondo de acto espiritual. ‘Permita Deus’ percorre un catálogo moi persoal de cancións que quere facer ao espectador partícipe da intimidade dunha atmosfera creada por un son preciosista, un pouco meditativo, lento.
Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo aldeas en busca de ritmos, coplas e danzas, de todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música senón tamén do seu modo de vivir. O amor pola tradición, por Galicia, pola cultura e o grandísimo respecto pola nosa terra fan da maneira de entender o canto de Davide moito máis que simplemente música.
A súa traxectoria iniciouse hai vinte anos como membro de Ecléctica Ensemble. A súa versatilidade permitiulle achegarse a xéneros como o cabaré ou o teatro. O seu primeiro traballo discográfico en solitario foi ‘Árnica pura’, producido por Eliseo Parra en 2011, ao que seguiu ‘Lobos’ en 2015, un disco inspirado pola cultura tradicional e a imaxe dunha Galicia pura e salvaxe, que produciu Pedro Pascual. A estes discos en solitario súmanse os proxectos discográficos ou sobre o escenario compartidos con artistas como Ugia Pedreira, Cristina Pato, Santi Cribeiro, Kepa Junquera ou Yo-Yo Ma, entre outros.