Conferencia de Iria-Friné Rivera: ‘O imaxinario galego ao poder. Os once carteis do Estatuto de Galicia (1936)’

Xoves 6 de xullo ás 19:00 h no Edificio Castelao

Edificio Castelao

Cartel do Estatuto de Galicia. 1936. Camilo Díaz Baliño

O Museo de Pontevedra recorda o aniversario do referendo polo Estatuto de 1936, que se celebrou un 28 de xuño, coa conferencia ‘O imaxinario galego ao poder. Os once carteis do Estatuto de Galicia (1936)’.

Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, afondará na importancia dentro da historia e a arte galegas deste conxunto de obras de cartelismo asinadas por algúns dos artistas galegos máis destacados do século XX. Os once carteis realizados para a campaña do Estatuto galego en 1936 forman un conxunto impecable e ben coordinado onde a comunicación visual, o deseño gráfico, o simbolismo e a publicidade danse a man para presentar o determinante das propostas do Estatuto de Autonomía para co público e que este as teña en conta.

Os carteis foron asinados por Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Carlos Maside, Zeus (José López Bouza “Fillo”), Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Bernardino Vidarte. Cadaquén empregou o seu estilo, pero tiveron á vez referencias uns dos outros nos seus respectivos temas e liñas. O resultado foi un discurso visual cunha dirección definida pola súa forza e enerxía, cohesivo na súa diversidade e capaz de xerar reaccións.

Nos carteis as apelacións históricas á liberdade e o destino fúndense con referencias contemporáneas como o estilo Art Déco, a épica feminina e o cinema. De tal xeito, a sinxela elegancia moderna, as combinacións intelixentes, a dignidade, un sentido nobre do estilo e o espectáculo da tradición son conxurados para plasmar imaxes que encaixaran coa personalidade e os valores da sociedade galega.

Iria-Friné Rivera Vázquez

Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do padroado da Fundación Luís Seoane (A Coruña) e da Fundación Vicente Risco (Allariz). É a autora dos libros A orixinalidade radica nas orixes. O concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco (2020) e O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística (2021). Conta dende 2013 ata hoxe con colaboracións en Grial - Revista Galega de Cultura, Abrente - Revista da Real Academia Galega de Belas Artes, Anuario Brigantino, Mazarelos - Revista de Historia e Cultura, Murguía - Revista Galega da Historia, Luzes, Abrente - Revista da Casa de Galicia (Valladolid), Instituto de Estudios Coruñeses José Cornide, Deputación de Ourense, Historia de Galicia, Galicia Confidencial, Portal Galego da Lingua, Praza Pública e Mazarelos.  

Deu conferencias no Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, a Facultade de Filoloxía da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda,  a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, a Fundación Vicente Risco, a Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso, a Biblioteca Xeración Nós (Ourense),  a Casa do Povo de Pitões das Júnias (Montealegre, Vila Real), o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e participou entre outros documentais en 100 anos de Nós de Aser Álvarez e Quen somos Nós? dirixido por Simón Casal de Miguel. Foi parte encargada do espazo dedicado a Camilo Díaz Baliño na exposición As miradas de Isaac (2020-2021) no Museo Centro Gaiás - Cidade da Cultura.

Videos