SÍMBOLOS DO CONFLITO

FOTOGRAFÍAS DE XULIO GIL
Datas: 02/02/2023 - 27/03/2023
Localización: Edificio Castelao

Comisario: Xosé Lois Gutiérrez Faílde

O Museo de Pontevedra reúne na exposición ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’ as propostas conceptuais de Xulio Gil no período 2020-2022. Trátase dun achegamento a unha figura esencial da fotografía de autor en Galicia que nas últimas dúas décadas refinou as súas liñas de traballo e investigación estética anteriores.

Xulio Gil naceu en Ourense en 1954 e reside en Vigo. Matemático de profesión, desenvolveu desde mediados da década de 1970 unha intensa carreira como fotógrafo, participando activamente nas transformacións da fotografía galega contemporánea. A exposición ‘Símbolos do conflito’ achégase á produción artística de Xulio Gil no que vai de século, confrontando o seu corpo de traballo persoal e o seu impacto na definición do que entendemos como fotografía contemporánea.

Nestes últimos anos, a obra de Xulio Gil foi mudando ata conformar un universo creativo moi orixinal. Introduciu de maneira sistemática a fotografía en cor, organizou a produción a partir de series fotográficas e afondou en pescudas estéticas que van da reflexión desde o imaxinario vernáculo ao establecemento dunha narrativa máis centrada na conceptualización que na indagación formal.

As obras presentes na exposición organízanse en 11 series desenvolvidas do ano 2000 en diante:

  • Fénix (2000)
  • Retablos esenciais (2007-2015)
  • Trompos (2008)
  • Matrilineal (2009)
  • Capela dos arcos (2010)
  • Capela dos homes (2010)
  • Cepas vellas (2016)
  • Cúpulas (2017)
  • Moradas (2018)
  • Penumbra da sal (2019)
  • Gastro centro / Gastrofuturo (2020-2021)

 Dossier para medios de comunicación


Visitas guiadas

Os xoves ás 18.00 h.

Os días 16 de febreiro, 2 marzo e 16 de marzo serán a cargo do artista, Xulio Gil

O xoves 16 de marzo a visita será ás 17.00 h.

Sen inscrición previa

Obradoiro ‘A mirada obxectivada’, por Xulio Gil

11 e 18 de marzo para público de 10 a 16 anos