No bicentenario de Casto Méndez Núñez

Mércores 2 de outubro, de 10:30 a 13:30 h e de 16:00 a 20:00 h, no Edificio Castelao

Para celebrar o bicentenario do nacemento de Casto Méndez Núñez (Vigo, 1824 – Pontevedra, 1869), o Museo de Pontevedra, a Escola Naval e o Instituto de Historia e Cultura Naval organizan un seminario no que ao longo de sete conferencias trataranse diferentes aspectos referentes á súa biografía e relevancia como mariño ou aos testemuños que del conservan o Museo Naval de Madrid e o Museo de Pontevedra.

Ao longo dos seus 45 anos de vida, Méndez Núñez realizou unha brillante carreira militar na que o mando da escuadra española no Pacífico no combate do Callao -o 2 de maio de 1866- no que resultou ferido, supoñeríalle o seu ascenso a Xefe de Escuadra -Contraalmirante no cambio de denominación levado a cabo en 1868- e sobre todo unha gran popularidade, reflectida entón, entre outras cousas, en diversas homenaxes e felicitacións, a creación de composicións literarias e artísticas, ou a realización de monumentos no seu recordo.

Da súa traxectoria conserva este Museo numerosos fondos. Moitos deles puidéronse contemplar nas salas que desde 1943 se lle dedicaron no edificio García Flórez -na actualidade pendente de rehabilitación-, contando tamén entón coa colaboración do Museo Naval de Madrid e da Escola Naval trasladada no devandito ano a Marín.

Con motivo desta celebración exhibirase temporalmente, no claustro do edificio Sarmiento, unha selección de pezas que pertenceron ao mariño que estamos a lembrar ou que estiveron intimamente relacionadas con el, como a maqueta da fragata blindada Numancia.

 

Dirixen: José Manuel Sanjurjo Jul e José Manuel Castaño García.

Organizan: Museo de Pontevedra, Instituto de Historia e Cultura Naval, Escola Naval Militar de Marín

O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban ata o 1 de outubro en reservas.museo@depo.gal.  

 

PROGRAMA

Sesión de mañá (10:30 a 13:30 h)

10:30 h - Presentación do seminario e das persoas participantes

M.ª de los Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra

José Manuel Sanjurjo Jul, codirector do seminario; vicealmirante (retirado), doutor en Enxeñería de Armas Navais, académico da Real Academia de Enxeñería e presidente da Asociación de Amigos do Museo Naval

Pedro Cardona Suanzes, capitán de navío, comandante-director da Escola Naval Militar

Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra

10:45 h - A figura histórica de Casto Méndez Núñez (1824-1869). Primeiro honra sen Mariña que Mariña deshonrada

Manuel Rolandi Sánchez-Solís, licenciado en Ciencias Xeolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid, diplomado en Hidroxeoloxía, investigador histórico e descendente de Casto Méndez Núñez

11:30 h - Pausa para café

12:00 h - A revolución naval do século XIX: vapor, artillería e coiraza

José Manuel Sanjurjo Jul, vicealmirante (Ret), doutor enxeñeiro de Armas Navais, académico da Real Academia de Enxeñería e presidente da Asociación de Amigos do Museo Naval

12:45 h - Don Casto Méndez Núñez, o mariño español máis determinante do século XIX

Luis Mollá Ayuso, capitán de navío da Armada, piloto naval, especialista en Comunicacións e diplomado de Estado Maior e Comunicación Social

 

Sesión de tarde (16:00 a 20:00 h)

16:00 h - Méndez Núñez nas coleccións do Museo de Pontevedra 

José Manuel Castaño García, conservador emérito do Museo de Pontevedra

16:45 h - Méndez Núñez no Museo Naval

Juan Escrigas Rodríguez, capitán de navío da Armada, director do Museo Naval de Madrid 

17:30 h - Pausa

17:45 h – Casto Méndez Núñez e a súa contribución ao coleccionismo científico

Natalia Fraguas Fernández, conservadora do Museo de Pontevedra

18:30 h – Imaxes para a historia. Os álbums fotográficos de Méndez Núñez

Cristina Echave Durán, conservadora do Museo de Pontevedra

19:15 h - Clausura

19:30 h - Visita á instalación temporal de fondos de Casto Méndez Núñez no Museo de Pontevedra

documentos

Vídeos