Ciclo de cinema María Luisa Bemberg: Señora de nadie
Sábado 28 de novembro de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
O Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo e o Museo de Pontevedra dedícanlle un ciclo de proxeccións á cineasta arxentina María Luisa Bemberg. Este reunirá as catro primeiras longametraxes da directora, que se proxectarán en orde cronolóxica os sábados, do 21 de novembro ao 12 de decembro. Ademais, contará coa colaboración do Arquivo María Luisa Bemberg e Lita Stantic Producciones.
Señora de nadie
Arxentina, 1982 · 98 min
Ao descubrir a infidelidade do seu marido, Leonor decide deixar o fogar familiar e empezar de novo. Nese proceso, a súa amizade con Pablo axúdaa a imaxinar unha vida distinta da que dera por feita.
Dirección e guión: María Luisa Bemberg
Elenco: Luisina Brando, Rodolfo Ranni e Julio Chávez
Sobre María Luisa Bemberg
María Luisa Bemberg (Bos Aires, 1922-1995) foi unha guionista e directora pioneira do cinema arxentino, nunha época na que poucas mulleres dirixían películas no país. Cunha mirada crítica e cun humor sutil, ampliou o lugar das mulleres no cine arxentino, tanto diante coma detrás da cámara. A súa obra alcanzou recoñecemento internacional con Camila, coprodución entre Arxentina e España nomeada ao Óscar á mellor película estranxeira en 1985.
