Día dos Museos: ‘O peirao’ de Diáspora Teatro

Espectáculo de monicreques para público familiar a partir de 3 anos. Sábado 20 de maio, ás 12:30 h no Edificio Castelao

O Museo de Pontevedra celebra o Día Internacional dos Museos, cunha programación arredor do tema deste ano: ‘Museos, sostibilidade e benestar’.

O sábado 20 de maio ás 12:30 h no Edificio Castelao, o público familiar a partir de 3 anos, poderá gozar dun espectáculo no que se mesturan narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown. ‘O peirao’ é un espectáculo de Diáspora Teatro con contos sobre como coidarnos coidando da natureza.

O espectáculo propón unha viaxe sen rumbo que ten como punto de saída o peirao, o lugar de onde saen moitos barcos e onde chegan outros. Aí xúntanse todas as historias que non se sabe moi ben xa de onde veñen, porque se mesturan co que hai en terra.

Diáspora Teatro é unha compañía galego-arxentina de narración oral e teatro de monicreques e obxectos. Nace no ano 2020 da man de María Dobronich e Dani Blanco ante a necesidade de achegar ao público historias simples e cotiás, que son o motor para a busca dunha poética propia, un teatro desde o escenario ata o corazón.