As II Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial reflexionarán sobre o estado da difusión do patrimonio en Galicia, España e Portugal

O Museo de Pontevedra acollerá o 3 e 4 de novembro as II Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, este ano baixo o lema ‘Construíndo futuros desde a educación’. Dáselle así continuidade á primeira edición organizada o ano pasado, consolidando o Museo como referente no debate sobre a investigación e a innovación na difusión do patrimonio. Nas xornadas poranse en común experiencias relevantes no eido da educación patrimonial por parte de profesionais e persoal investigador de importantes museos e universidades de Galicia, España e Portugal.

12/09/2022

Xornadas de educación

As xornadas están organizadas polo Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela e contarán coa participación de representantes do Museo Arqueológico Nacional, o Museo do Pobo Galego, o Museo Würth La Rioja, o Museu de Lamego ou a Rede Museística de Lugo, así como do CSIC e de universidades como a Complutense de Madrid, a Jaume I, a de Barcelona, a de Murcia ou a de Huelva.

As xornadas están dirixidas a profesionais e investigadoras relacionadas coa acción cultural e educativa nos museos, pero tamén a persoas que traballen a educación patrimonial desde outros ámbitos e estudantado relacionado con Humanidades, entre outro público. A inscrición é totalmente gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación, e pódese facer ata o 24 de outubro a través da web https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal.

Tamén está aberta a participación a través do envío de pósters vinculados coas liñas temáticas das xornadas. Ata o 7 de outubro poderase facer a solicitude previa indicando a temática, autoría e resumo. Os pósters aceptados deberán enviarse antes do 24 de outubro e serán presentados nunha sesión específica dentro das xornadas, ademais de incorporárense ás actas, que se publicarán dixitalmente.

O encontro deste ano ten tres eixos: unha educación patrimonial para o cambio social; os novos formatos e medios na educación e acción cultural; e a creación de redes de colaboración entre institucións. Desenvolveranse a través de dous  relatorios, tres mesas redondas, unha sesión de pósters e tres obradoiros.

As xornadas están dirixidas por José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e Belén Castro, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC. Os relatorios serán a cargo de María Jesús Rubio Visiers do Museo Arqueológico Nacional e Carmen Palacios do Museo Würth La Rioja. Nas mesas redondas participarán investigadoras e profesionais como Miguel Ángel Cagigal, Encarna Lago, Alexandra Falcão e Cristina Sánchez-Carretero.

Máis información