O Museo aprobará a restitución dos dous cadros da escola de Dieric Bouts espoliados polos nazis

A Deputación de Pontevedra vai aprobar este venres en Pleno a restitución do díptico ‘Mater Dolorosa’ e ‘Ecce Homo’ que foran espoliados polos nazis e se atopan no Museo de Pontevedra. Unha vez certificada a resolución plenaria, o Museo porá ambas pezas a disposición da autoridade central do Ministerio de Cultura e Deporte do Estado Español, e esta deberá comunicar o acordo ao Estado polaco para facer a entrega e finalmente trasladar as pezas ao seu territorio.

08/09/2022

Dous cadros da escola de Dieric Bouts

A noticia da identificación do díptico como ben espoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

A devolución demorouse máis do previsto ante a reclamación da obra non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima. Finalmente, todos os informes xurídicos confluíron en que o procedemento correcto era restituír os cadros ao Estado polaco para que este, posteriormente, delimite a propiedade dos bens rexéndose pola súa lexislación interna.

Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.

O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por alguén da súa escola. Constitúe un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados tanto polo artista como por persoas do seu taller e imitadores.