O Encontro de Arqueoloxía no Museo de Pontevedra incide na necesidade de investigacións sistemáticas sobre xacementos prehistóricos con construcións efémeras

Profesionais da arqueoloxía e da investigación académica revisaron as principais intervencións arqueolóxicas das últimas décadas nas que se documentou arquitectura efémera da prehistoria recente

19/05/2023

Presentación do encontro de Arqueoloxía

O Museo de Pontevedra acolleu o xoves 18 e o venres 19  de maio a primeira edición do Encontro de Arqueoloxía, unha cita que quere reunir cada ano as principais investigacións neste campo nos contextos galego e do noroeste peninsular, chegadas dos ámbitos profesional e académico. Esta primeira edición centrouse nas ‘Arquitecturas efémeras da prehistoria recente no Noroeste ibérico’ e xuntou preto dun cento de persoas que traballan, investigan ou se interesan pola arqueoloxía. O encontro foi coordinado por María Martín Seijo, do Departamento de Ciencias Históricas da Universidad de Cantabria, e José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra.  

No encontro presentáronse vinte relatorios. Catro deles abordaron de maneira transversal as investigacións sobre este tipo de construcións efémeras. M. Pilar Prieto expuxo o estado da cuestión deste tipo de investigacións: “podemos facer unha síntese da evolución das vivendas a partir de datos basicamente cuantitativos e parciais: hai un predominio dun tipo de fondos de cabana con planta en paréntese; probablemente non todas fosen cabanas para habitar; hai un aumento de tamaño a medida que se avanza temporalmente na Prehistoria; hai un aumento tamén da complexidade interna de cabanas e aparece a 'longhouse' a mediados do segundo milenio”.

Joeri Kaal e María Martín puxeron e valor a importancia da arqueobotánica para o estudo destes xacementos. Segundo Martín, “a análise dos restos arqueobotánicos achega unha información moi valiosa para comprender os procesos de ocupación e abandono das arquitecturas efémeras”.

Andrés Teira presentou unha lectura crítica das denominadas cabanas de planta irregular, propoñendo a tese de que en moitos casos se traten do resultado da extracción do tocón e das raíces das árbores, xa sexa por un proceso natural ou pola intervención humana. Esta posibilidade centrou boa parte dos debates e foi refutada en varias das intervencións  posteriores.

As outras dezaseis presentacións expuxeron os traballos en escavacións arqueolóxicas realizadas ao longo do territorio formado por Galicia e o Norte de Portugal, nas que apareceron fosas, buratos de poste ou gabias de cimentación, como principais evidencias de espazos empregados por comunidades que habitaron o Noroeste peninsular entre o Neolítico e o Bronce Final, nun período comprendido a grandes trazos entre inicios do V milenio e finais do I milenio a.C.

As intervencións serviron ás persoas investigadoras e participantes para establecer paralelismos, conexión e particularidades, comparando os achados e interpretacións dos equipos responsables de cada investigación. A necesidade dun encontro como este para poñer en común este coñecemento foi destacado en varias intervencións.

Así, os arqueólogos e arqueólogas responsables das diferentes intervencións expuxeron os casos dos xacementos de Zarra de Xoacín e Penedo da Edra (Lalín), Monte Buxel (Pazos de Borbén), Agro de Bazar e Carballeira do Espírito Santo (Silleda), Setepías (Cambados), O Regueiriño e Monte dos Remedios (Moaña), Coto dos Mosquitos (Mos), Monte das Cabanas (Vigo), Penedo Redondo (Verea e Bande) e Ventosiños (Lugo), así como en diferentes puntos ao logo do percorrido da autovía A-54 de Santiago a Lugo. Tamén se presentaron os resultados das investigacións sobre os xacementos portugueses de Areias Altas (Porto) e a Cimalha (Felgueiras) e o Vale do Sabor (Trás-os-Montes). Trátase en todos os casos de intervencións relacionadas coa realización de obra pública e privada: autovías, vías férreas, encoros, equipamentos deportivos, urbanizacións ou polígonos industriais.

As conferencias completáronse con catro coloquios, nos que se abriron temas de debate como a conveniencia de usar maquinaria pesada nas escavacións e as limitacións da investigación arqueolóxica cando está ligada a intervencións preventivas. Púxose sobre a mesa a necesidade de realizar actuacións máis prolongadas, coa participación de equipos interdisciplinares, estudos especializados e máis tempo e medios para a afondar na interpretación dos resultados e que se publiquen artigos que contribúan a achegar novo coñecemento á comunidade científica e á sociedade en xeral.

Na mesma liña, varios poñentes reclamaron a necesidade de que exista investigación sistemática, programada, que debería ser impulsada ou apoiada pola Administración. Máis aló das intervencións arqueolóxicas de urxencia ligadas á obra pública, os participantes no encontro botaban en falta campañas específicas centradas neste tipo de arquitecturas efémeras, algo que non existe actualmente en Galicia.

María Martín aclarou que “con todas as eivas que pode ter en Galicia a investigación arqueolóxica, hai que recoñecer que temos unha arqueoloxía profesional que leva moitos anos facendo un traballo de calidade”, e reclamou máis ferramentas para o intercambio de información, como publicacións ou encontros coma este que está a organizar o Museo de Pontevedra e que terá carácter anual.

Galerías de imaxes