A exposición ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’ foi a máis visitada no Museo nos últimos seis anos

Un total de 14.402 persoas visitaron a mostra aberta no Edificio Castelao entre o 6 de agosto e o 16 de outubro

21/10/2022

Ruth Matilda Anderson

A exposición ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’ converteuse na máis visitada no Museo desde o ano 2016. Un total de 14.402 persoas visitaron a mostra organizada polo Museo de Pontevedra en colaboración coa Hispanic Society de Nova York e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

O volume de visitas foi constante durante o tempo que estivo aberto, entre o 6 de agosto e o 16 de outubro: 5.654 visitantes en agosto, 4.350 en setembro e 4.398 en outubro. Con estas cifras de visitas, esta exposición superou ás que eran ata agora as de maior éxito de público dos últimos anos: ‘Galaicos. Un pobo entre dous mundos’ (2019-2022), con 13.182 visitantes, ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019’ (2020) con 12.117 visitantes e ‘Origami, de papel a obra de arte’ (2021-2022) con 12.214 visitantes.

O éxito de público chegou tamén ás visitas guiadas: 1.825 persoas participaron nas visitas,  entre elas 1.009 persoas de grupos escolares de diferentes niveis educativos. Ademais, esgotáronse todos os exemplares do catálogo, do que houbo que facer dúas impresións.